
O BNG de Cee cargou este martes contra a alcaldesa tras a presentación pública das obras de renovación da Praza de Lires, asegurando que o goberno local “vende as supostas bondades” do proxecto mentres “omite datos importantes” sobre a actuación e sobre a posición da oposición municipal.
A formación nacionalista lembra que xa no ano 2018 un grupo de veciños e veciñas de Lires presentara ante toda a corporación un anteproxecto para actuar na contorna da ría. Segundo explican, tratábase dun “plan ambicioso” orientado á recuperación dun espazo degradado, á posta en valor do patrimonio local e á creación dunha zona infantil de xogos. “Nada máis se soubo daquela proposta”, lamentan.
O BNG asegura que a actual reforma da praza “podería ser positiva” se se desen determinadas condicións que, ao seu xuízo, non existen na actualidade. Entre as prioridades que consideran urxentes para a parroquia citan a separación das augas pluviais e fecais para mellorar o funcionamento da depuradora, a renovación das rúas interiores “cheas de baches”, o arranxo do polideportivo “polo perigo que supón o seu estado”, a extensión do saneamento ás vivendas que aínda carecen del ou a mellora das comunicacións.
A formación tamén critica especialmente a eliminación do palco da música, que cualifica de “espazo imprescindible” para as festas e actividades organizadas pola mocidade da parroquia. “Agora van ter que asumir un custo engadido para montar un palco provisional”, sinalan.
Mais alá do aspecto funcional, os nacionalistas apelan tamén ao valor simbólico do lugar. “Riba das Eiras, co palco incluído, é froito do traballo comunal da veciñanza. Non é unha simple construción: é memoria, alma e sentimento”, afirman.
Sobre a aprobación do proxecto, o BNG matiza as declaracións da alcaldesa ao lembrar que a votación facía referencia a un paquete conxunto de obras financiadas con fondos da Deputación da Coruña, cun importe próximo aos 800.000 euros. Segundo indican, o grupo votou favorablemente ao conxunto das actuacións porque incluía outras intervencións consideradas necesarias, aínda que deixou constancia en pleno do seu desacordo coa demolición do palco.
“Unha media verdade é tamén unha media mentira”, sostén o comunicado.
Finalmente, o BNG acusa a rexedora de intentar responsabilizar á oposición das dificultades de xestión durante o anterior mandato en minoría. “Agora ten maioría absoluta e fai o que quere; a responsabilidade é exclusivamente súa”, conclúen.