
A formación nacionalista reclama unha solución duradeira para evitar que as persoas propietarias teñan que agardar a intervencións puntuais cada vez que se obstrúe a canle.
O BNG de Laxe volve denunciar a acumulación de auga nas fincas de cultivo da contorna da lagoa de Traba debido á obstrución da canle de saída da auga, unha situación que está a ocasionar problemas ás persoas propietarias dos terreos.
A formación lembra que xa trasladara esta problemática ao Parlamento de Galiza e ao Pleno municipal en 2025. Segundo sinala o BNG, daquela o Concello asegurara que actuaría para solucionar a situación. Porén, máis dun ano despois, o problema volve repetirse, coas consecuencias que isto supón para as parcelas afectadas.
Desde o grupo nacionalista explican que, cada vez que a canle queda taponada, cómpre agardar pola chegada de maquinaria para restablecer a saída da auga. Unha dinámica que, ao seu xuízo, evidencia a necesidade de adoptar medidas preventivas que eviten que os terreos acaben anegados antes de intervir.
O BNG cuestiona así que non se actúe de maneira anticipada para impedir que a situación se repita e reclama ao Concello unha actuación que permita recuperar o correcto desaugadoiro da lagoa e reducir o risco de novas inundacións nas fincas de cultivo.
A formación nacionalista insiste en que os terreos agrícolas de Traba precisan unha solución estable e duradeira, e non intervencións puntuais cada vez que a canle de saída queda obstruída. Por iso, volve solicitar ao Concello que adopte as medidas necesarias para evitar a repetición dun problema que afecta as persoas propietarias e á actividade agraria da zona.
O BNG de Laxe reclama, así, que se pase das actuacións de emerxencia á prevención, para que as fincas de Traba non teñan que volver sufrir as consecuencias da acumulación de auga.
