O CONCELLO DE FISTERRA INTENSIFICA AS XESTIÓNS PARA ATOPAR UNHA SOLUCIÓN Á CAPELA DO BO SUCESO

O alcalde, Luis Insua Lago, reuniuse novamente co conselleiro de Cultura, José López Campos, para analizar posibles vías de colaboración que permitan avanzar na protección e conservación deste elemento do patrimonio fisterrán.

O Concello de Fisterra continúa realizando xestións ante a Xunta de Galicia para buscar unha solución á situación da capela de Nosa Señora do Bo Suceso, un inmoble de titularidade privada que presenta unha problemática que o Goberno municipal considera de máxima urxencia.

Na mañá de hoxe, o alcalde de Fisterra, Luis Insua Lago, mantivo unha nova reunión co conselleiro de Cultura, José López Campos, co obxectivo de abordar a situación da capela e estudar posibles vías de colaboración entre as administracións que permitan avanzar cara a unha solución.

Desde o Concello subliñan que, malia non ser o propietario do inmoble, a súa importancia histórica, cultural e patrimonial para o municipio fai necesario implicarse activamente na procura dunha resposta. Neste sentido, o alcalde mantén contactos coa Xunta de Galicia para trasladar a preocupación existente e impulsar medidas que contribúan a resolver a situación.

Esta nova xuntanza súmase ás reunións e conversas mantidas anteriormente entre ambas as partes para tratar especificamente a problemática da capela. O Goberno municipal insiste na necesidade de atopar unha vía que permita actuar canto antes, respectando en todo momento a titularidade privada do inmoble.

O Concello de Fisterra reafirma así o seu compromiso coa defensa, conservación e posta en valor do patrimonio local, e asegura que continuará traballando para favorecer o entendemento entre as partes e avanzar cara a unha solución que garanta a protección deste importante símbolo patrimonial do municipio