
Negreira, 30 de setembro. – O BNG de Negreira volve poñer o foco no estado de conservación do CEIP O Coto despois do pequeno incendio rexistrado na mañá do 29 de setembro no centro educativo.
Desde a formación nacionalista destacan que levaban tempo denunciando o mal estado das instalacións do colexio, e especialmente as deficiencias relacionadas coa instalación eléctrica.
O incendio, que segundo o BNG foi de pequena consideración, produciuse nunha zona visible do centro e permitiu que se detectase rapidamente e se actuase para evitar que o incidente puidese ir a máis.
Para o BNG, o sucedido pon novamente sobre a mesa as deficiencias que, segundo aseguran, veñen reclamando desde hai tempo. A formación reclama á Consellería de Educación que acometa as actuacións necesarias para solucionar os problemas existentes no centro e garantir unhas instalacións seguras para toda a comunidade educativa.
“Levan anos de promesas, mais aínda seguimos esperando”, sinalan desde o BNG de Negreira, que reclama á Xunta que concrete cando se van executar as actuacións pendentes.
A formación nacionalista considera que a seguridade do alumnado, profesorado e persoal do centro debe ser unha prioridade e pide que se adopten medidas antes de que se produza un incidente de maior gravidade.
O BNG cuestiona finalmente a resposta da Xunta e do Partido Popular ante o sucedido e reclama explicacións sobre as medidas que se van adoptar para solucionar definitivamente os problemas denunciados no CEIP O Coto.
