O BNG denuncia un novo rexeitamento do PP ás axudas específicas para as mariscadoras de Camariñas

Óscar Insua critica que a Xunta convoque subvencións con requisitos imposibles de cumprir e obrigue as traballadoras a devolver os cartos.

**Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026.**– O deputado do BNG pola Costa da Morte, Óscar Insua, denunciou un novo voto en contra do Partido Popular ás propostas nacionalistas para apoiar as mariscadoras de Camariñas e recuperar os bancos marisqueiros.

Na Comisión de Pesca do Parlamento galego, Insua reclamou a creación dunha liña de axudas específica e complementaria ás do Instituto Social da Mariña (ISM), que permita cubrir as necesidades das traballadoras durante todo o período de veda extraordinaria.

O parlamentario criticou que as mariscadoras tivesen que devolver os arredor de 32.000 euros dunha subvención concedida pola Xunta porque non atoparon no mercado semente de ameixa fina ou babosa de criadeiro que cumprira os requisitos da convocatoria.

«A Xunta convoca axudas sabendo que non se poden cumprir as condicións e, ao final, as traballadoras teñen que devolver os cartos», censurou.

Actualmente, arredor dunha ducia de mariscadoras realizan labores de rexeneración dos areais, cinco delas sen prestación por cesamento de actividade e asumindo o custo da Seguridade Social.

O BNG tamén reclama que a Xunta execute as medidas propostas polo Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria para recuperar a barra de area da enseada, mediante actuacións sobre os sedimentos e solucións naturais que reduzan a enerxía das ondas e das correntes.

Insua advertiu da gravidade da situación, lembrando que Camariñas pasou de ter 65 mariscadoras hai cinco anos a menos de 30 na actualidade. Ademais, en xaneiro rematará a paralización do plan de xestión sen que existan boas perspectivas de recuperación dos bancos.

«A Xunta ten as competencias exclusivas na xestión do marisqueo e o PP segue sen ofrecer solucións reais a un sector que o está a pasar realmente mal», concluíu o deputado.