
Os nacionalistas acusan o PP de manter unha postura «oportunista e hipócrita» por reclamar agora medidas que rexeitou no Parlamento galego
Camariñas, 19 de outubro de 2026. O BNG insiste en reclamar á Xunta de Galiza a creación dunha liña específica de axudas complementarias ás do Instituto Social da Mariña (ISM) para as mariscadoras de Camariñas que quedaron sen prestación por desemprego ao non cumprir os requisitos mínimos de cotización.
A formación nacionalista acusa o Partido Popular de manter unha postura «oportunista e hipócrita», ao solicitar agora medidas de apoio para estas traballadoras despois de rexeitar no Parlamento galego as iniciativas do deputado Oscar Insua para habilitar subvencións específicas destinadas a aquelas mariscadoras que non podían acceder ás prestacións do ISM por ter permanecido longos períodos de baixa.
O BNG lembra que estas traballadoras se atopan nunha situación especialmente complicada, xa que, malia non ter dereito ao paro, deben participar nos traballos de rexeneración dos bancos marisqueiros para non perder o PERMEX.
Desde o BNG de Camariñas subliñan que levan anos reclamando á Xunta medidas activas e correctoras para facer fronte á crise do marisqueo e evitar a desaparición desta actividade na localidade. Segundo indican, trasladaron reiteradamente esta problemática ao Parlamento galego a través de Oscar Insua, pero aseguran que todas as propostas atoparon a oposición do PP.
Os nacionalistas consideran que o Goberno galego non pode eludir as súas responsabilidades trasladando o problema ao Executivo central, xa que, segundo defenden, Galiza dispón de competencias para actuar na protección e recuperación do sector marisqueiro.
Reclaman medidas pendentes para protexer as traballadoras
O BNG tamén denuncia que as mariscadoras continúan á espera da exención das cotas á Seguridade Social durante os períodos de inactividade derivados de causas de forza maior. A formación critica que o Goberno central non puxese en marcha esta medida e advirte das consecuencias que podería ter un novo episodio de choivas intensas durante o inverno ou a finalización do cese de actividade previsto en Camariñas para xaneiro.
«O PSOE non cumpriu neste caso coa súa palabra e as consecuencias ímolas volver ver cando volva chover no inverno», sinalan desde a formación nacionalista, que cualifica de «vergoña» que esta medida non se incluíse no decreto de medidas anticrise.
Por outra banda, o BNG destaca que, grazas ao traballo do deputado nacionalista Néstor Rego no Congreso, conseguiu que o Goberno do Estado realice un estudo urxente sobre a salinidade, o quecemento e a perda de biomasa nas augas das rías galegas, así como sobre os seus efectos na caída da produtividade dos sectores marisqueiro e pesqueiro. O estudo inclúe a ría de Camariñas.
O BNG acusa o PP de actuar por interese electoral
O portavoz municipal do BNG, Xurxo Rodríguez, censurou a actuación dos populares e asegurou que a formación xa advertira das dificultades que ían afrontar algunhas mariscadoras para acceder á prestación por desemprego.
«Xa lle advertimos hai tempo que había mariscadoras en Camariñas que non ían poder cobrar o paro, e negáronse a sacar axudas especificamente para elas», afirmou Rodríguez, quen considera que as actuais reclamacións do PP responden a un intento de mellorar a súa imaxe pública nun contexto electoral.
O voceiro nacionalista sostén que a crise actual evidencia a falta de compromiso da Xunta coa continuidade do marisqueo e critica a inacción da Consellería do Mar ante o deterioro da actividade.
«Hai tempo que todo o mundo sabe que o Partido Popular non aposta polo marisqueo porque o está a deixar morrer; a situación crítica está á vista de todos e a desidia da Consellería do Mar é patente. Camariñas é só a punta do iceberg», concluíu.
O BNG reitera así a necesidade de que a Xunta active axudas específicas para as mariscadoras que quedaron sen prestación, ao tempo que reclama medidas estruturais para garantir a recuperación dos bancos marisqueiros e a continuidade económica e laboral do sector na ría de Camariñas.
