O BNG reivindica en Dumbría a memoria das vítimas da silicose do túnel de Castrelo

Un cento de persoas participaron no acto de homenaxe ás traballadoras e traballadores que morreron por silicose durante a construción do túnel de abastecemento da central de Castrelo

Dumbría, 3 de outubro de 2026. O BNG da Costa da Morte celebrou este sábado no Centro Social de Dumbría un acto de homenaxe ás vítimas da silicose do túnel de Castrelo, co obxectivo de manter viva a memoria das ducias de traballadores e traballadoras da antiga empresa Carburos Metálicos que morreron a mediados do século pasado como consecuencia desta enfermidade.

As persoas afectadas desenvolveron os seus labores durante a construción do túnel de abastecemento de auga para a central eléctrica de Castrelo, en Dumbría, nun contexto no que, segundo se denunciou durante o acto, non se contaba coas debidas condicións de protección e seguridade para preservar a saúde dos traballadores.

Ao redor dun cento de persoas asistiron á homenaxe, presentada polo portavoz municipal do BNG de Dumbría, Xaime Trillo. A xornada comezou cunha charla-coloquio na que participaron Celina Cambeiro, de 93 anos, que traballou no túnel de Castrelo, e Xesús Túñez, fillo dun traballador falecido por silicose.

Durante o encontro, ambos compartiron cos asistentes os seus recordos e vivencias vinculados ao túnel e ás consecuencias que a enfermidade tivo entre os traballadores e as súas familias. O público tamén participou no coloquio, con intervencións nas que se reivindicou a memoria das persoas falecidas e se puxo o foco na responsabilidade da empresa, á que se atribuíu unha actitude de resistencia ao recoñecemento da enfermidade e á reparación das vítimas.

O acto rematou cun recital poético a cargo de Begoña Barral, Suso Baamonde, Álex López e Mari Carmen Rey Núñez, acompañado musicalmente polo saxofonista Juanma Abelleira Ronquete.

A homenaxe serviu así para recuperar a memoria dunha realidade que marcou profundamente varias familias da Costa da Morte e para reivindicar o recoñecemento das persoas que perderon a vida como consecuencia das condicións nas que desenvolveron o seu traballo no túnel de Castrelo.