O Castelo de Vimianzo estrea o primeiro contador de visitantes da Costa da Morte

O Castelo de Vimianzo acolleu hoxe a presentación do primeiro contador de visitantes da Costa da Morte, un novo dispositivo que permitirá coñecer con maior precisión os fluxos turísticos e avanzar na planificación e promoción do destino.

No acto participou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que acompañou a Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; José Manuel López Varela, presidente da CMAT (Costa da Morte Asociación Turística); e Pepe Formoso, presidente da APTCM, xunto con outras persoas asistentes.

Esta nova ferramenta permitirá obter datos de interese sobre a afluencia de visitantes, contribuíndo a mellorar o coñecemento da realidade turística da zona e a deseñar estratexias máis eficaces para a xestión e promoción do territorio.

Desde o Concello de Vimianzo agradecemos que se elixise o noso municipio e o Castelo como lugar para a instalación deste primeiro medidor, unha iniciativa que pon en valor o noso patrimonio histórico e cultural e reforza o potencial turístico da Costa da Morte.

A posta en marcha deste dispositivo supón un paso máis cara a un modelo turístico baseado no coñecemento, na planificación e na posta en valor dos recursos do territorio.