O Concello da Baña intensifica os traballos de limpeza e mantemento das pistas municipais

A brigada municipal de obras do Concello da Baña continúa estes días cos labores de limpeza, roza e mantemento das pistas e camiños municipais en distintos puntos do municipio, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e facilitar o tránsito da veciñanza.

Os traballos inclúen a retirada de vexetación, a limpeza das marxes e a posta a punto de diferentes vías municipais que presentan acumulación de maleza ou precisan actuacións de conservación. Estas intervencións permiten mellorar a visibilidade nas estradas e garantir unhas mellores condicións de circulación tanto para vehículos como para peóns.

Desde o Concello destacan a importancia destas actuacións periódicas para manter en bo estado a rede viaria local, especialmente nas zonas rurais, onde os camiños municipais son fundamentais para o día a día da veciñanza e para o acceso ás explotacións agrícolas e gandeiras.

O goberno local sinala que estes traballos continuarán nas próximas semanas noutras parroquias e núcleos do municipio, dentro do plan de mantemento e conservación das infraestruturas municipais.