
O Concello opta a unha subvención da Fundación Biodiversidad que cubriría o 80 % do investimento para adaptar espazos públicos aos efectos do cambio climático.
O Concello de Camariñas presentou tres anteproxectos cun investimento total de 551.500 euros para a creación de refuxios climáticos no municipio. A iniciativa enmárcase na convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidad, dependente do Goberno central, que podería financiar o 80 % do custo das actuacións.
O obxectivo é adaptar diferentes espazos públicos para mellorar o confort térmico, a accesibilidade e as condicións de uso ante os efectos do cambio climático, especialmente durante os períodos de temperaturas extremas.
As actuacións propostas abranguen tres equipamentos municipais situados en Camariñas e Camelle.
Melloras no pavillón municipal Víctor Vigo
O primeiro proxecto contempla a substitución da cuberta do pavillón municipal Víctor Vigo, situado no CEIP O Areal. A intervención incorporará unha solución moderna de illamento térmico pasivo para mellorar o confort do alumnado e das persoas usuarias das instalacións deportivas.
Un novo centro social en Camariñas
A segunda actuación prevé a creación dun centro social mediante o acondicionamento da planta baixa do Centro de Iniciativas. O espazo adaptarase ás novas necesidades climáticas co propósito de ofrecer unhas instalacións máis confortables para a veciñanza.
Unha aula accesible na Casa do Mar de Camelle
O terceiro anteproxecto propón habilitar unha nova aula adaptada e accesible na Casa do Mar de Camelle. Entre as intervencións previstas figura a instalación dun salvaescaleiras, co fin de facilitar o acceso e mellorar a autonomía das persoas usuarias.
Con estes tres anteproxectos, o Concello de Camariñas busca avanzar na adaptación dos equipamentos públicos aos desafíos derivados do cambio climático, ao tempo que mellora a accesibilidade e o benestar da cidadanía.
A posible execución das actuacións queda pendente da resolución da convocatoria de axudas á que opta o Concello.


