
O Concello de Zas vén de rematar os traballos de limpeza e recuperación do lavadoiro do rego de Barriazón, unha actuación enmarcada no programa de mellora da contorna da área arqueolóxica da Pedra do Altar.
A intervención permitiu recuperar este elemento do patrimonio tradicional, devolvéndolle o seu aspecto renovado e contribuíndo á conservación dun espazo que forma parte da memoria e da identidade do municipio.
Os traballos realizáronse respectando a integración do lavadoiro na paisaxe e empregando materiais autóctonos, sen utilizar cemento, co obxectivo de preservar a súa estética orixinal e manter a harmonía coa contorna natural. A colocación da cuberta de tella completa agora a actuación.
Con esta intervención, o Concello de Zas reafirma o seu compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio local, prestando atención tamén a aqueles pequenos elementos da arquitectura tradicional que, malia a súa sinxeleza, constitúen unha parte importante da historia e da paisaxe do municipio.
A recuperación do lavadoiro do rego de Barriazón súmase así ás actuacións destinadas a protexer e mellorar os espazos patrimoniais de Zas, favorecendo a súa conservación para as futuras xeracións.
