
O Concello de Carballo súmase un ano máis ao proxecto Primavera en Ruta, unha iniciativa da Asociación Ambiental Senda Nova que nesta 17ª edición pon o foco na “Paisaxe de lama”. O concelleiro de Medio Ambiente, Servizos, Praias e Protección Civil, Miguel Vales, participou na presentación do programa deste 2026 xunto a representantes do resto dos concellos colaboradores. O obxectivo é reivindicar as corredoiras antigas e o patrimonio natural fronte ao avance do asfalto, promovendo un coñecemento profundo do noso territorio a través do sendeirismo interpretativo.
A programación inclúe 100 quilómetros de percorridos repartidos en 8 xornadas que atravesan diversos puntos da comarca e concellos veciños.
As inscricións poderán realizarse na base de Protección Civil, de 09:30 a 13:30 h; na Escola de Idiomas, os martes de 18:00 a 20:00 h, e no Espazo da Natureza de Oza, os xoves e os venres de 17:00 a 20:00 h. O prazo estará aberto ata dous días antes da realización de cada ruta. As taxas de participación son de 8 euros para maiores de idade (6 € se son socios/as de Senda Nova) e 6 euros para menores de idade (4 € no caso dos/as socios/as).
Calendario de rutas
- 19 de abril: O Son do Anllóns (Carballo, Coristanco) – 16 km.
- 26 de abril: Camiños de Aldemunde (Cerceda, Carballo, Tordoia) – 7 km.
- 3 de maio: Costa Agreste de Cerqueda e Cambre (Malpica) – 15 km.
- 10 de maio: Ruta das Mámoas (Cabana de Bergantiños) – 14 km.
- 17 de maio: Coristanco Histórico – 16 km.
- 24 de maio: Forza do Río Chonia (Trazo) – 16 km.
- 31 de maio: Camiños de Caión (A Laracha, Carballo) – 14 km.
- 7 de xuño: Terras Altas de Soneira (Zas) – 16 km.
O servizo de transporte da organización recollerá aos participantes nos puntos habitados. No noso municipio, o punto de encontro será o Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper. É obrigatorio levar calzado adecuado para a lama, avituallamento (auga e comida), impermeable e protección solar. Prégase puntualidade máxima en todas as saídas.
Para calquera dúbida ou consulta adicional, as persoas interesadas poden contactar coa organización:
- Web: www.sendanova.org
- Correo: sendanova@hotmail.com
- Teléfono: 611 037 617
