
O Concello de Carballo licitou un novo contrato por un importe de 147.511,64 euros para a realización de traballos de roza en espazos urbanos e de uso público de todo o municipio, co obxectivo de previr os incendios forestais e manter limpas e despexadas estas zonas.
O prazo para a presentación de ofertas remata o 15 de setembro. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, con posibilidade de prorrogarse por outros dous.
O servizo incluirá traballos de roza mecanizada e manual, cunha previsión de 1.500 horas de traballo efectivo con maquinaria e 350 horas de traballo manual ao longo da duración inicial do contrato.
Actuacións en diferentes puntos do municipio
Entre os espazos nos que se poderá actuar figuran o paseo fluvial do Anllóns e as parcelas anexas, o contorno do cemiterio municipal e os aparcadoiros das praias.
O contrato tamén contempla intervencións no circuíto de motor de Bértoa, na Ruta das Férvedas e nas zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa.
Así mesmo, os traballos poderán desenvolverse en parcelas urbanas municipais, campos da festa das parroquias e terreos baldíos en solo rústico, ademais doutros espazos de uso público nos que o Concello considere necesaria a intervención.
A finalidade destas actuacións é reducir a presenza de vexetación e manter en condicións axeitadas estes espazos, contribuíndo así á prevención dos incendios forestais e á mellora do seu estado de conservación.