Fisterra inicia as obras de rehabilitación no Pedregal da Ribeira para mellorar a seguridade e a accesibilidade

O Concello de Fisterra informou do inicio das obras de rehabilitación da zona do Pedregal da Ribeira, unha actuación considerada necesaria debido ao avanzado estado de deterioración que presentaba este espazo e ao risco que supuña para as persoas usuarias da praia.

Os traballos, que comezaron onte, teñen como principal obxectivo mellorar a seguridade, a accesibilidade e a conservación desta contorna, un lugar de grande importancia tanto para a veciñanza como para as numerosas persoas visitantes que cada ano se achegan a Fisterra.

Desde a Administración local destacan que esta intervención permitirá recuperar e poñer en valor unha área moi frecuentada, garantindo unhas condicións máis seguras e adecuadas para o seu uso e desfrute.

O Concello quixo tamén expresar o seu agradecemento a Portos de Galicia pola súa colaboración e pola atención prestada a esta demanda trasladada polo goberno municipal.