
O Concello de Muros, a través da Concellería de Obras e Servizos e en colaboración coa ANPA do CEIP Ramón de Artaza de Serres, vén de executar unha actuación de mellora no patio posterior do centro educativo co obxectivo de incrementar a seguridade e a calidade dos espazos de xogo do alumnado.
A intervención centrouse na adecuación dunha zona que ata o de agora permanecía inutilizable ao estar cuberta de grava, o que supoñía un risco de caídas para os nenos e nenas no uso diario do espazo. Para solucionar esta situación, procedeuse á extensión dunha capa de terra que permitirá o crecemento de vexetación e a futura transformación da área nunha nova zona verde.
A actuación foi posible grazas á colaboración entre ambas entidades: a ANPA encargouse da achega da terra, mentres que o Concello de Muros asumiu a execución dos traballos mediante medios mecánicos e persoal municipal.
A concelleira de Ensino e Lingua e de Obras e Servizos, Laura Rivadeneira, salientou a importancia deste tipo de iniciativas conxuntas, destacando que “este tipo de colaboracións entre o Concello e as comunidades educativas permiten seguir mellorando os espazos escolares e convertelos en lugares máis seguros, naturais e agradables para o alumnado”.
Con esta intervención, o patio do centro dá un paso máis cara á súa humanización e á creación de contornas escolares máis sostibles e adaptadas ás necesidades da infancia.

