O Concello de Noia advirte da turbidez da auga da traída municipal e pide non consumila

Unha avaría eléctrica no depósito municipal provocou a alteración da auga almacenada. Os servizos municipais están a purgar a rede e a limpar o depósito.

O Concello de Noia informou da detección dunha elevada turbidez na auga da traída municipal, unha incidencia que afecta ao conxunto do municipio, polo que recomenda á veciñanza non consumir auga da rede ata novo aviso.

Segundo explica o Concello, a situación ten a súa orixe nunha avaría eléctrica producida durante a pasada noite no depósito municipal, que provocou que a auga almacenada presentase unha elevada turbidez e non fose apta para o consumo.

Os servizos municipais de augas xa están a traballar para solucionar a incidencia. Neste momento estase a purgar a rede municipal e a baleirar o depósito, co obxectivo de proceder posteriormente á súa limpeza e recuperar as condicións de normalidade no subministro.

Durante estes traballos, a veciñanza poderá observar bocas de rego abertas, labores de baldeo e outros puntos con saída de auga en diferentes zonas de Noia. Trátase de actuacións necesarias para purgar a rede e renovar a auga afectada pola incidencia.

O Concello lembra que, por precaución, non se debe consumir auga da traída municipal ata novo aviso. A administración local comunicará a través das súas canles oficiais cando os traballos rematen e a auga volva ser apta para o consumo con normalidade.