O Concello de Oleiros denuncia o abandono da Xunta: só 500.000 euros para a Vía Ártabra en 2027

O Goberno galego mantén paralizada desde 2021 unha infraestrutura fundamental para a mobilidade da comarca da Coruña e non contempla investimentos en Oleiros nos orzamentos de 2027.

O Concello de Oleiros denuncia a falta de compromiso da Xunta de Galicia coa mobilidade e coas infraestruturas da comarca coruñesa. Dos 61 millóns de euros anunciados polo Goberno galego para a construción de estradas e autovías en 2027, unicamente se destinan 500.000 euros á Vía Ártabra, unha cantidade insuficiente para retomar as obras dunha infraestrutura estratéxica para a área metropolitana.

A obra permanece paralizada desde 2021, malia a súa importancia para mellorar os desprazamentos e reducir os problemas de tráfico nos accesos á cidade da Coruña. Para o Concello de Oleiros, esta decisión supón prolongar unha situación que prexudica diariamente miles de persoas, obrigadas a soportar atascos que afectan á súa puntualidade no traballo, nas clases e nas citas médicas, ademais de xerar importantes perdas económicas para as empresas.

Unha infraestrutura imprescindible para a comarca

A Vía Ártabra está chamada a desempeñar un papel fundamental na conexión dos concellos de Oleiros, Sada, Bergondo, Cambre, Culleredo, Carral, Arteixo e A Coruña, contribuíndo a completar a circunvalación metropolitana e a mellorar a fluidez do tráfico.

O incremento de 100.000 habitantes experimentado pola comarca nos últimos 40 anos contrasta coa falta de avances significativos nas infraestruturas viarias. Esta realidade fai cada vez máis necesaria unha planificación que responda ás necesidades actuais da poboación e garanta unha mobilidade máis eficiente e segura.

O Concello considera inaceptable que a Xunta continúe sen impulsar unha actuación de interese autonómico que resulta esencial para o desenvolvemento económico e social da comarca.

Oleiros, excluído dos investimentos autonómicos

A falta de compromiso da Xunta coa Vía Ártabra súmase á ausencia de investimentos específicos para Oleiros nos orzamentos autonómicos de 2027. Segundo denuncia o Concello, as contas presentadas non recollen actuacións necesarias para o municipio, como a construción de novas beirarrúas nas estradas autonómicas, unha rotonda en Montrove, a cuberta do colexio Parga Pondal, a renovación das ventás do colexio Luis Seoane, a ampliación do porto de Lorbé, obras de bombeo para o saneamento ou melloras na rede comarcal de abastecemento de auga.

O Goberno local considera que esta situación evidencia unha preocupante falta de atención ás demandas veciñais e ás necesidades reais do municipio. Así mesmo, critica o que cualifica como un uso partidista das institucións por parte do Partido Popular, en detrimento dunha distribución equilibrada dos recursos públicos.

Esixencia de compromiso coa cidadanía

O Concello de Oleiros reclama á Xunta de Galicia que rectifique as súas previsións orzamentarias, habilite os recursos necesarios para retomar a Vía Ártabra e incorpore investimentos que dean resposta ás necesidades de mobilidade, educación, saneamento e abastecemento de auga.

Oleiros considera que a cidadanía da comarca merece solucións concretas e un calendario real de actuacións, non partidas orzamentarias insuficientes nin promesas que prolonguen indefinidamente os problemas existentes.

A mobilidade da comarca da Coruña non pode seguir agardando. Oleiros reclama investimentos, planificación e compromiso real coa veciñanza.