O BNG de Ordes reclama completar as redes de abastecemento e saneamento no núcleo da Piolla antes de executar a nova senda da AC-542

A formación nacionalista advirte de que o proxecto da senda peonil deixa sen resolver necesidades básicas de servizos e podería obrigar a levantar a infraestrutura unha vez construída.

O BNG de Ordes reclama ao goberno municipal que aproveite a execución da nova senda peonil da AC-542 para completar as redes de abastecemento e saneamento no núcleo rural da Piolla, na parroquia de Ardemil.

Tras visitar o lugar e manter conversas coa veciñanza, o concelleiro do BNG, Avelino Candal, comprobou que na marxe esquerda da AC-542, en dirección Betanzos, existe unha tubaxe de abastecemento que actualmente non dispón de auga, así como unha canalización de saneamento que está fóra de servizo por carecer dunha saída.

Ademais, a formación nacionalista alerta de que o proxecto da nova senda peonil contempla a instalación de catro tubos para telecomunicacións, pero non inclúe a extensión nin a posta en funcionamento dos servizos de abastecemento e saneamento necesarios para o núcleo.

Para o BNG, esta é unha oportunidade que non se debe desaproveitar. Non planificar agora a instalación destas infraestruturas podería obrigar a realizar novas obras e levantar a senda unha vez rematada, co conseguinte gasto económico e as molestias para a veciñanza.

Por este motivo, o BNG de Ordes demanda ao goberno municipal dúas actuacións concretas:

– *Poñer en funcionamento as redes de abastecemento e saneamento xa existentes no núcleo da Piolla.*

– *Dotar a marxe dereita da AC-542, en sentido Betanzos, das redes de abastecemento e saneamento dentro da delimitación do núcleo rural, antes ou simultaneamente á execución da senda peonil.*

Desde o BNG consideran fundamental que as obras públicas se planifiquen cunha visión de futuro e atendendo ás necesidades reais da veciñanza.

*«Planificar ben hoxe é aforrar tempo e diñeiro mañá».*