O Concello de Ponteceso culmina a mellora dos camiños de Tella cun investimento de preto de 115.000 euros

O Concello de Ponteceso vén de finalizar as obras de mellora dos camiños da zona de Tella, unha actuación na que se investiron preto de 115.000 euros e que supón un avance significativo tanto en materia de seguridade como de mobilidade.

Os traballos centráronse na renovación e acondicionamento das vías, co obxectivo de optimizar os accesos ao parque empresarial e, ao mesmo tempo, reducir o impacto do tráfico pesado no núcleo de vivendas. Grazas a esta intervención, os vehículos de gran tonelaxe dispoñen agora dun itinerario alternativo, o que contribúe a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Ademais, a actuación reforza a protección da contorna fronte a posibles incendios, ao facilitar o acceso dos servizos de emerxencia e mellorar a conectividade das vías forestais e industriais.

O alcalde, José Manuel Mato, destacou a importancia desta obra sinalando que “vai máis alá dunha simple actuación sobre o firme”, xa que “facilita os accesos ao parque empresarial, reforza a súa seguridade fronte aos incendios e elimina un problema histórico para a veciñanza de Tella”.

Dende o goberno local subliñan que esta intervención responde a unha demanda veciñal de longo percorrido e enmárcase na aposta municipal pola mellora das infraestruturas rurais e industriais, co fin de impulsar o desenvolvemento económico e garantir unha maior seguridade para a poboación.