
O Concello de Ponteceso continúa avanzando nas actuacións de mellora do paseo fluvial do río Anllóns coa execución das obras de renovación do miradoiro situado á altura da Casa de Eduardo Pondal, un espazo de gran valor paisaxístico e turístico.
Os traballos consistiron na substitución da antiga varanda por novos elementos de madeira, un material que favorece unha mellor integración coa contorna natural e contribúe á posta en valor deste enclave. Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo que contempla tamén a instalación de nova iluminación e a continuidade da varanda perimetral ao longo do paseo.
Desde o Concello quérese agradecer á Deputación da Coruña e ao seu vicepresidente, Xosé Regueira Varela, o apoio prestado para facer posible esta iniciativa, así como a súa permanente disposición para atender as necesidades e peticións do municipio.
A intervención enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino do proxecto Os Fogóns do Anllóns e conta cun importe de adxudicación de 61.000 euros. O obxectivo desta actuación é seguir mellorando os espazos públicos, reforzar a conservación do patrimonio natural e impulsar un turismo sostible que contribúa ao desenvolvemento económico e social de Ponteceso.