
O Concello de Val do Dubra saíu ao paso das críticas formuladas polo Partido Popular sobre o estado da piscina municipal, asegurando que a instalación é completamente segura e que a auga cumpre cos parámetros sanitarios esixidos para o seu uso.
Nun comunicado feito público este martes, o goberno municipal trasladou unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza e explicou que, antes da apertura da piscina, realizáronse as correspondentes analíticas obrigatorias. Segundo os resultados da análise efectuada o pasado 19 de xuño de 2026, cumpríanse os requisitos relativos á temperatura, pH, cloro combinado, cor, olor, transparencia e turbidez, ademais de rexistrarse valores nulos de Pseudomonas aeruginosa e Escherichia coli.
O único parámetro que presentaba unha pequena desviación era o nivel de cloro libre, situado en 0,39 mg/L fronte aos 0,5 mg/L recomendados. A empresa encargada da xestión da instalación indicou que esta situación é habitual tras a aplicación recente do produto e que non supón ningún risco para a saúde dos usuarios.
O Concello tamén confirmou que a alta da instalación foi comunicada ao sistema SILOE antes da apertura ao público.
En relación coas incidencias detectadas nas últimas semanas, o executivo local explicou que son consecuencia das actuacións de mellora desenvolvidas entre finais de 2025 e o presente ano. Entre elas destaca a instalación dun sistema de acceso ao vaso para persoas con mobilidade reducida, a renovación da soleira de acceso e a aplicación dun tratamento de pintado do vaso destinado a reducir as perdas de auga que a piscina viña sufrindo nos últimos anos.
Tras o enchido da instalación detectouse o levantamento de parte da pintura aplicada. O Concello comunicou inmediatamente a situación á dirección da obra, que requiriu á empresa adxudicataria un informe sobre as causas da incidencia e as medidas correctoras necesarias. A empresa comprometeuse a repetir o tratamento unha vez rematada a tempada estival, para evitar o peche da piscina durante os meses de maior afluencia.
Segundo o goberno municipal, esta deficiencia non afecta ao funcionamento normal da instalación nin impide o seu uso.
Outra das actuacións realizadas foi a renovación da zona de bancada, que presentaba un avanzado estado de deterioro debido ao paso do tempo. Non obstante, o Concello recoñeceu que o tratamento aplicado á madeira provocou manchas nalgunhas prendas de baño dos usuarios. Esta incidencia xa foi comunicada á empresa responsable dos traballos de carpintería para que adopte unha solución no menor prazo posible.
O executivo local lamentou as molestias ocasionadas por estes problemas, aínda que subliñou que derivan de actuacións destinadas a mellorar e conservar unha das instalacións municipais máis utilizadas durante o verán.
Finalmente, o Concello reiterou que tanto a piscina como a súa auga están sometidas a controis periódicos e supervisión continua, garantindo o cumprimento das condicións sanitarias esixidas e comprometéndose a seguir traballando para ofrecer o servizo nas mellores condicións posibles.