
O Concello de Lousame fai un balance moi positivo da celebración do Magosto Meigo, que tivo lugar esta fin de semana cunha gran participación veciñal e un importante carácter solidario.
A iniciativa, organizada en colaboración coa Cruz Roja de Noia, permitiu recoller numerosos produtos de limpeza e hixiene grazas ás doazóns realizadas polas persoas asistentes, que contribuíron así a apoiar o labor social desta entidade.
Desde o Concello quixeron agradecer a colaboración de todas as persoas que participaron e fixeron posible o desenvolvemento da festa. Un recoñecemento especial aos traballadores municipais, a Protección Civil de Lousame e ao voluntariado local, que se encargou de preparar e repartir as castañas e os choripáns baixo a coordinación das concelleiras Silvia Agrafojo Filgueira e Mariel Agrafojo Nieto.
A celebración contou tamén cunha animada programación musical, coa participación de DJ Rockiño, o grupo tradicional Ó Son do Pote e as Cantarareiras da UNED Sénior de Lousame, que contribuíron a crear un ambiente festivo e de convivencia.
O Concello de Lousame destaca a resposta da veciñanza e o espírito de colaboración demostrado durante toda a fin de semana, nunha celebración que volveu combinar tradición, diversión e compromiso solidario.
Tras esta edición, o municipio xa mira cara á próxima cita co Magosto Meigo, coa ilusión de volver reunir a veciñanza arredor dunha festa que medra grazas á implicación de toda a comunidade.




