O Partido Popular de Corcubión denuncia o caos circulatorio provocado por unhas obras na entrada da vila

Corcubión, 5 de xullo. O Partido Popular de Corcubión denunciou este domingo a situación que se está a vivir na estrada de acceso ao municipio debido ás obras que ocupan un dos carrís en sentido Fisterra.

Segundo sinalan os populares, a plataforma permanece instalada dende a noite de onte, regulando o paso alternativo mediante semáforos que consideran «mal sincronizados». Aseguran, ademais, que durante a xornada non hai operarios traballando na zona, polo que a afectación ao tráfico mantense sen avances aparentes e, segundo indican, prolongarase ata o luns.

Desde o PP afirman que esta situación está a provocar importantes colas e retencións nunha fin de semana de comezos de xullo, coincidindo cun incremento notable da circulación debido á chegada de visitantes e turistas á Costa da Morte.

Os populares critican tamén a actuación do goberno local, ao que acusan de non ofrecer solucións nin informar adecuadamente sobre a incidencia. «Non pode ser que unha das principais entradas a Corcubión permaneza nestas condicións nunha época de máxima afluencia», sinalan.

O Partido Popular reclama unha mellor planificación das obras, unha coordinación máis eficaz da regulación do tráfico e a presenza de persoal cando se produzan este tipo de actuacións, co obxectivo de minimizar as molestias para veciños e visitantes.