O PP de Arzúa denuncia que o Concello deixou sen executar o 44,49 % dos investimentos previstos en 2025

Os populares cifran en case 3 millóns de euros os fondos que quedaron sen gastar e cuestionan a xestión económica do goberno tripartito.

O Partido Popular de Arzúa denunciou a baixa execución dos investimentos previstos no orzamento municipal de 2025, tras analizar os datos recollidos na liquidación orzamentaria dese exercicio. Segundo os populares, o Concello deixou sen executar o 44,49 % dos investimentos inicialmente previstos, o que supón arredor de 1,5 millóns de euros en actuacións que non chegaron a materializarse.

A formación popular asegura que a liquidación reflicte tamén que quedaron sen gastar case 3 millóns de euros do orzamento total. Unha situación que, ao seu xuízo, evidencia a existencia de importantes dificultades para levar adiante as actuacións programadas e transformar os recursos municipais en servizos e melloras para a veciñanza.

Desde o PP cuestionan, ademais, que o goberno tripartito destaque a existencia dun remanente de tesouraría de 1,82 millóns de euros mentres, segundo os datos que manexa a formación, permanecen pendentes de pagamento 646.068 euros correspondentes ao orzamento corrente, incluídas facturas, obras e subvencións.

Outro dos aspectos que os populares poñen sobre a mesa é o atraso na aprobación da liquidación de 2025, que, segundo denuncian, se produciu con oito meses de demora. Tamén sinalan que o expediente non incorporaba os informes relativos á estabilidade orzamentaria e á regra de gasto.

O voceiro do PP de Arzúa, Rafael Rivadulla, considera que os datos poñen de manifesto a distancia entre os recursos dispoñibles e a súa execución efectiva. «Non se pode presumir de ter cartos no banco cando non se é quen de executar as obras previstas nin de cumprir coas obrigas de pagamento», afirma.

A formación popular sostén que a prioridade do Concello debería ser executar os investimentos comprometidos, atender os pagamentos pendentes e garantir unha planificación económica que permita responder ás necesidades do municipio.

O PP conclúe reclamando ao goberno local que explique os motivos da baixa execución orzamentaria e os atrasos rexistrados, e que concrete que medidas vai adoptar para evitar que as actuacións previstas queden novamente sen realizar.