O Partido Popular de Negreira critica o que considera un uso pouco responsable da auga por parte do Concello en plena situación de seca. A formación difundiu un vídeo gravado durante a noite no parque de O Coto no que, segundo denuncia, se pode observar como se están regando as zonas axardinadas.
Os populares cuestionan que se manteñan estes labores de rega mentres se pide á veciñanza que extreme as precaucións e faga un consumo responsable da auga ante a actual situación de escaseza.
“Seguro que é pura demagoxia o vídeo de onte pola noite no Parque de O Coto?”, sinala o PP, que acompaña as imaxes cunha crítica ao estado da vexetación. A formación asegura que hai arbustos plantados hai anos que están a secar, polo que reclama explicacións sobre a xestión do rego e o mantemento dos espazos verdes municipais.
Desde o PP consideran necesario que o Concello dea conta das medidas que está adoptando para reducir o consumo de auga nos parques e xardíns públicos e pide que exista coherencia entre as recomendacións trasladadas á cidadanía e as prácticas que se realizan desde a propia Administración local.
A polémica chega así no marco da preocupación pola dispoñibilidade de recursos hídricos, co debate centrado en se os sistemas de rega dos espazos públicos están sendo utilizados de maneira eficiente e adaptados ás actuais circunstancias.