O PP de Val do Dubra esixe explicacións ao Concello tras as queixas pola apertura da piscina municipal

Val do Dubra. O Partido Popular de Val do Dubra fixo públicas as súas preocupacións ante as queixas trasladadas por veciños e usuarios sobre a apertura da piscina municipal. A formación considera que a seguridade das familias e o correcto funcionamento das instalacións públicas “non se improvisan” e reclama ao Concello información clara e actuación inmediata.

Desde o grupo popular solicitaron ao goberno municipal a entrega da copia da analítica da auga para garantir que cumpre cos requisitos sanitarios esixidos, así como a revisión completa das instalacións para comprobar o seu estado e funcionamento.

Ademais, o PP demanda explicacións transparentes á veciñanza sobre as incidencias detectadas e pide que se adopten medidas urxentes para solucionar calquera deficiencia que poida afectar aos usuarios.

“A piscina municipal debe abrir con todas as garantías, cun mantemento adecuado e coa máxima transparencia cara aos veciños”, sinalan desde a formación popular.

O PP de Val do Dubra asegura que continuará atento á evolución desta situación e insiste na necesidade de que o Concello ofreza información detallada para transmitir confianza ás familias e aos usuarios da instalación.