
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe, xunto coa directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, as persoas participantes nunha das actividades grupais do programa Aloumiños, desenvolvida neste municipio.
A iniciativa, impulsada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) en colaboración co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, ten como obxectivo combater a soidade non desexada e reforzar o benestar emocional das persoas participantes.
No marco do programa organízanse andainas saudables e actividades de dinamización social en grupo, así como charlas e obradoiros nos que se abordan cuestións relacionadas co envellecemento activo e co recoñecemento das emocións asociadas á soidade. Estes encontros buscan tamén favorecer as relacións veciñais e crear redes de acompañamento.
Durante a visita, Martina Aneiros salientou o papel dos centros de saúde na detección de posibles situacións de soidade non desexada. Segundo explicou, desde estes centros búscase identificar as persoas que poidan estar atravesando esta situación e facilitarlles información para que poidan beneficiarse das actividades de Aloumiños.
O programa estase a desenvolver actualmente en 20 concellos galegos. No ámbito da Delegación Territorial de Ferrol, ademais de Neda, participan tamén As Somozas, Moeche e San Sadurniño.
Aloumiños está aliñado cos obxectivos da Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde e coas accións promovidas pola Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental da Consellería de Sanidade, orientadas a promover cambios na percepción e nas actitudes sociais que favorezan a integración e a participación social das persoas con problemas de saúde mental.
A través destas actividades, o programa pretende contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas participantes, fortalecer os vínculos comunitarios e previr os efectos da soidade non desexada mediante o acompañamento e a participación social.