Veciños de Buño alertan do perigo polo estado esbaradizo do paseo da Camposa

Veciños de Buño, no concello de Malpica de Bergantiños, amosan a súa preocupación polo estado no que se atopa o chan do paseo da Camposa, que consideran moi esbaradizo e perigoso, especialmente para as persoas que utilizan este espazo para camiñar.

Segundo trasladan os residentes, o pavimento presenta unhas condicións que dificultan o tránsito con seguridade e incrementan o risco de escorregóns e caídas, sobre todo en días de humidade ou choiva.

A situación chama especialmente a atención tendo en conta o investimento realizado recentemente neste paseo. O Concello destinou preto de 48.000 euros ás obras de saneamento da Camposa, polo que os veciños consideran necesario que se revise o estado actual do pavimento e se adopten medidas para garantir a seguridade das persoas usuarias.

Os residentes reclaman que se busque unha solución canto antes e que o paseo poida ser utilizado con normalidade, sen que as condicións do chan supoñan un risco para quen se achega ata a Camposa para camiñar ou facer exercicio.

Os veciños agardan que o Concello de Malpica tome nota da situación e acometa as actuacións necesarias para eliminar o perigo e garantir unhas condicións adecuadas de seguridade neste espazo público.