
Inés Ramos pide o apoio do BNG para reunir as sinaturas necesarias e levar ao pleno a paralización do proxecto
A Laracha, 14 de outubro de 2026. O PSOE da Laracha reclama a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello cun único punto na orde do día: esixir a paralización da planta de biogás proxectada na parroquia de Soandres. Para sacar adiante a solicitude, os socialistas piden o apoio do BNG, cuxas sinaturas permitirían alcanzar o mínimo necesario para convocar a sesión.
A voceira socialista local, Inés Ramos López, considera que a instalación non achegará beneficios ao municipio e advirte das consecuencias que podería ter para a veciñanza e para o conxunto da comarca de Bergantiños. «A planta de biogás non vai traer nada de positivo para o concello en termos xerais, nin para ningún veciño ou veciña da comarca de Bergantiños», afirma.
Ramos amosa unha especial preocupación pola situación da veciñanza de Soandres, pola proximidade da instalación ás vivendas. Segundo sinala, o proxecto podería supoñer unha perda de calidade de vida para as persoas residentes e unha importante depreciación do valor económico dos seus bens.
Outro dos aspectos que preocupan aos socialistas é o posible impacto ambiental da planta, especialmente sobre o río Anllóns. A portavoz lembra os problemas de escaseza de auga rexistrados durante o verán, cando foi necesario abastecer veciños e veciñas de Soandres que quedaran sen subministración e se aplicaron restricións.
A procedencia dos residuos que se tratarían na instalación é tamén motivo de preocupación para o PSOE. Ramos explica que serán de diversa natureza e que chegarán desde puntos situados ata 80 quilómetros de distancia. Neste sentido, cuestiona o balance ambiental do proxecto polo tráfico de vehículos pesados necesario para transportar os materiais.
«Falamos de enerxía renovable, pero á hora da verdade eses camións que van traer os residuos van contaminar máis do que se está aforrando producindo este tipo de enerxía», advirte a voceira socialista.
O PSOE tamén chama a atención sobre o patrimonio arqueolóxico da contorna. Segundo Ramos, na propia finca onde se pretende instalar a planta existe unha mámoa e hai un castro a escasa distancia, cuestións que considera relevantes á hora de valorar a implantación do proxecto.
Ante esta situación, os socialistas defenden a paralización da iniciativa e aseguran que a veciñanza leva opoñéndose a ela desde que tivo coñecemento do proxecto. «Polo tanto, esta planta non vai traer nada positivo, queremos que se paralice. Os veciños, que é o fundamental tamén, queren que se paralice e levan opoñéndose a ela dende que teñen coñecemento deste proxecto», subliña Ramos.
A portavoz conclúe reclamando unha maior implicación do Concello e da Xunta de Galicia para atender as demandas da poboación afectada. «O Concello ten que dar un paso adiante, non só valen palabras, necesitamos feitos, que a Xunta escoite o que ocorre na Laracha e que escoite o que queren os veciños que viven aquí», afirma.
Con esta petición de pleno extraordinario, o PSOE da Laracha busca que a oposición á planta de biogás de Soandres se traduza nunha iniciativa institucional e que a preocupación da veciñanza sexa trasladada formalmente ás administracións competentes.
