
O PSOE de Curtis cuestiona que representantes do goberno municipal realicen labores de promoción e campaña durante o horario de traballo, mentres persisten problemas e demandas veciñais sen resolver.
Desde o PSOE de Curtis lembran que calquera traballador debe cumprir co seu horario laboral e dedicar a súa xornada ás funcións que lle corresponden. Porén, cuestionan que o goberno municipal estea a utilizar parte dese horario para realizar labores de promoción da Feira de Curtis.
Os socialistas consideran que os veciños e veciñas do municipio pagan cos seus impostos para que os responsables municipais xestionen os servizos públicos, atendan as necesidades da cidadanía e traballen na resolución dos problemas que afectan ao concello.
«A xornada laboral está para atender o Concello e os seus veciños, non para facer campaña ou promoción política», sinalan desde o PSOE de Curtis.
A formación tamén lembra que existen cuestións que continúan preocupando á veciñanza, como os problemas de cobertura móbil en diferentes zonas do municipio ou os cortes e apagamentos no subministro eléctrico, incidencias que reclaman atención e solucións.
Desde o PSOE insisten en que a promoción da Feira de Curtis e calquera outra actividade política ou partidaria pode realizarse fóra do horario laboral, pero consideran que durante a xornada de traballo a prioridade debe ser a xestión municipal.
**«Os veciños e veciñas merecen un Concello que traballe para eles. Durante o horario laboral, a responsabilidade dos gobernantes é atender, xestionar e dar solucións aos problemas da cidadanía»**, conclúen.
