O PSOE de Malpica denuncia a exclusión de mozos e mozas empadroados do censo electoral e reclama explicacións urxentes ao Concello

Os afectados solicitaron certificados de empadroamento e unha solución, pero recibiron citas para o 30 de novembro, un día despois da celebración das eleccións.

O PSOE de Malpica denunciou a situación de varios mozos e mozas empadroados no municipio que, segundo trasladaron, non figuran no censo electoral das eleccións previstas para o vindeiro 29 de novembro, o que podería impedirlles exercer o seu dereito ao voto.

Ante esta situación, os socialistas malpicáns solicitaron ao Concello información urxente sobre o sucedido, así como explicacións sobre as posibles causas desta exclusión e as actuacións realizadas para tratar de solucionar o problema.

Segundo a información trasladada polos afectados, varias persoas acudiron ás dependencias municipais para solicitar certificados de empadroamento e reclamar unha solución. Porén, aseguran que recibiron citas para o día 30 de novembro, unha data posterior á celebración dos comicios, o que aumenta a preocupación ante a falta de resposta a tempo.

O PSOE reclama que se esclareza por que estas persoas non aparecen no censo electoral a pesar de estar empadroadas no municipio, cando tivo coñecemento o Concello desta situación e que comprobacións realizou para verificar os datos.

A formación tamén solicita que se determine se puido producirse algún erro na actualización ou comunicación dos datos padroais á Oficina do Censo Electoral e que se informe de se o Concello contactou con este organismo provincial para intentar buscar unha solución, así como da data na que se realizaron esas xestións.

Outro dos puntos que consideran necesario aclarar é o motivo polo que se asignaron citas para o 30 de novembro, cando as eleccións están convocadas para o día anterior, e que medidas se adoptaron ou se prevén adoptar para garantir, na medida do posible, o dereito ao voto das persoas afectadas.

Ademais, os socialistas piden coñecer o número total de persoas que se atopan nesta situación, unha vez comprobados os datos, para determinar o alcance do problema.

O PSOE de Malpica solicita que toda esta información sexa facilitada coa máxima urxencia, dada a proximidade da convocatoria electoral, e reclama que se aclaren os feitos e se depuren as posibles responsabilidades derivadas dunha situación que, de confirmarse, podería deixar varios veciños e veciñas sen exercer o seu dereito fundamental ao voto.

A formación insiste na necesidade de que o Concello actúe con rapidez, transparencia e responsabilidade para ofrecer unha resposta aos afectados antes da celebración das eleccións.