
Malpica, 23 de xuño de 2026.– O PSOE de Malpica denunciou hoxe o atraso na contratación do persoal subvencionado a través do programa PEL-Concellos 2026 da Deputación da Coruña, destinado ao reforzo dos servizos municipais mediante a contratación de traballadores e traballadoras para a execución de obras e servizos de interese local.
Os socialistas lembran que a resolución definitiva destas axudas foi publicada o pasado 26 de febreiro e consideran incomprensible que, case catro meses despois, o Concello de Malpica aínda non teña incorporado este persoal, mentres que noutros municipios beneficiarios as contratacións xa están realizadas e os traballadores prestando servizo.
Desde o PSOE pregúntanse polos motivos desta demora e critican a falta de planificación do goberno municipal do PP. “Estamos perdendo un tempo moi valioso para reforzar os servizos municipais e ofrecer unha mellor atención á veciñanza cunhas contratacións que xa contan con financiamento concedido pola Deputación”, sinalan.
A formación socialista considera que este atraso supón desaproveitar uns recursos que poderían contribuír a mellorar áreas fundamentais do Concello, especialmente nun período de maior actividade e demanda de servizos por parte da cidadanía.
“O que non pode ser é que, mentres outros concellos aproveitan estas oportunidades para reforzar os seus cadros de persoal, en Malpica sigamos agardando sen explicacións claras. A cidadanía merece saber que está pasando e cando se van facer efectivas estas contratacións”, apuntan desde o PSOE.
Por todo isto, os socialistas reclaman ao executivo local que informe sobre o estado do proceso e que axilice os trámites necesarios para que o persoal subvencionado polo programa PEL-Concellos 2026 se incorpore canto antes aos servizos municipais.
“O atraso na execución destas contratacións é unha mostra máis da falta de xestión do goberno do PP. Os recursos xa están concedidos; agora o que falta é vontade e eficacia para poñelos ao servizo da veciñanza”, conclúen.