O San Xoán 2026 de Carballo aposta polo talento local e presenta unha programación chea de novidades

Carballo. O San Xoán 2026 xa quenta motores cunha programación que combina tradición, música, cultura e novas propostas de lecer para todos os públicos. A presentación oficial das festas celebrouse este venres na rúa Coruña, nun acto aberto á cidadanía que serviu para dar a coñecer un programa definido pola organización como o “do cambio e as novidades”.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou que, aínda que as actividades se desenvolverán ao longo de todo o mes de xuño, o núcleo principal das celebracións concentrarase en “sete días de festa” pensados para que toda a veciñanza poida atopar o seu espazo.

Un dos aspectos máis destacados desta edición é a aposta decidida polo talento local. A artista carballesa Isa Bermúdez é a autora do cartel oficial das festas, nun cambio de modelo impulsado polo Concello, que deixará atrás os concursos para confiar cada ano en creadores e creadoras da localidade. Durante a presentación, Bermúdez explicou que a súa obra pretende transmitir o compoñente máxico do San Xoán carballés, unha maxia que, segundo afirmou, “seguirá existindo mentres se celebre o San Xoán”.

A concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, puxo en valor o intenso traballo desenvolvido pola comisión organizadora, integrada por 15 persoas que levan máis dun ano preparando as festas. Tamén tivo palabras de lembranza para Mari Pacoret, histórica integrante da Asociación Cultural San Xoán falecida recentemente.

Pola súa banda, o presidente da comisión, Sergio Varela, foi o encargado de presentar os principais contidos dun programa que terá dous grandes centros neurálxicos: a Praza do Concello e o Rego da Balsa. Entre as novidades destacou a incorporación de racións de churrasco á tradicional sardiñada popular da noite do 23 de xuño.

Outra das grandes incorporacións deste ano é o Balsiña Fest, que se celebrará o 13 de xuño. O concelleiro de Mocidade, Daniel Barreiro, explicou que esta iniciativa nace da colaboración entre a mocidade e os hostaleiros locais para dar resposta ás demandas de ocio do público máis novo.

O acto serviu tamén para poñer en valor a figura da pregoeira deste ano, Verónica Bolón Canedo. O alcalde definiuna como unha carballesa cunha traxectoria profesional e persoal que a converten nunha elección plenamente merecida para abrir oficialmente as festas.

Música, tradición e actividades para todos os públicos

A Semana Grande arrancará o 22 de xuño co pregón de Verónica Bolón e o concerto de SonBoleros na Praza do Concello. A tradicional Noite de San Xoán, o 23 de xuño, contará coa cachela, a sardiñada popular, a actuación da orquestra Compostela e unha sesión musical a cargo de Señora DJ.

O Día de San Xoán, o 24 de xuño, estará marcado polos actos relixiosos, os pasarrúas e os concertos de Baiuca e Panorama City, dous dos pratos fortes desta edición.

A programación continuará con espectáculos familiares, verbenas e actuacións destacadas como as de Tito Ramírez, Joe Crepúsculo, 9Louro, León Benavente, Charlie Tiburona ou Mentah. Ademais, non faltarán citas xa tradicionais como a Mostra de Habaneras, a Festa do Apego, o Festival Rockin’ ou a Festa do Bosque.

O peche das celebracións chegará o domingo 28 de xuño cun amplo programa de actividades familiares no Bosque do Anllóns e un gran espectáculo de fogos artificiais a cargo da Pirotecnia Rocha-Areas.

A revista oficial das festas, editada por Distrito Xermar, xa está dispoñible por tres euros na Biblioteca Rego da Balsa, onde tamén se pode adquirir o cartel oficial por un euro.