O veleiro Laion de COGAMI volve navegar pola ría de Camariñas con persoas con discapacidade a bordo

O programa Galicia Vela Adaptada (GAVEA 2026) permitirá a 73 persoas con discapacidade gozar da navegación nunha embarcación accesible e adaptada

Muxía, setembro de 2026. O veleiro Laion de COGAMI volve izar as velas pola ría de Camariñas para ofrecer a 73 persoas con discapacidade a oportunidade de achegarse ao medio mariño a través da navegación. O Programa Galicia Vela Adaptada (GAVEA 2026) desenvolverase entre os días 8 e 18 de setembro, con participantes procedentes de diferentes entidades e servizos de COGAMI.

A iniciativa, financiada pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo facilitar o acceso ao ocio náutico ás persoas con mobilidade reducida, ofrecéndolles unha experiencia nunha contorna accesible, segura e adaptada ás súas necesidades.

Nesta edición participarán persoas usuarias das entidades Íntegro, da Costa da Morte; Aixiña, de Ourense; Amarai, de Arzúa; Adisbismur, da comarca de Muros; Avante, de Val do Dubra; Alcer Coruña; Aprom, de Cariño; e Aspamite, de Teo. Tamén tomarán parte persoas do servizo de atención diúrna de COGAMI en Medelo (Silleda) e do programa Autonomía+ de COGAMI no CEGADI de Santiago.

As sesións de navegación repartiranse ao longo de dúas semanas en quendas de mañá e tarde. As travesías partirán do porto de Muxía, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, e desenvolveranse de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde.

A través desta actividade, GAVEA busca non só favorecer o contacto co mar, senón tamén promover valores como o traballo en equipo, a confianza, a superación persoal e a convivencia.

Un veleiro adaptado ás necesidades das persoas con mobilidade reducida

O proxecto Galicia Vela Adaptada púxose en marcha no ano 2002, tras a cesión do veleiro Laion, incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e posteriormente cedido en garda e custodia á entidade membro de COGAMI Adisbismur.

A embarcación conta con diferentes adaptacións destinadas a facilitar o embarque e a participación das persoas con mobilidade reducida. Entre elas destaca un guindastre situado na botavara, que permite realizar o embarque desde o pantalán, así como un winche eléctrico con pulsador que facilita o manexo das velas.

O programa conta coa financiación da Deputación da Coruña e coa colaboración da asociación Cataventos, que participa na iniciativa a través do seu equipo de persoas voluntarias.

Calendario das travesías

As persoas participantes distribuiranse nas seguintes quendas:

  • Martes 8 de setembro: asociación Amarai, pola mañá, e participantes do programa Autonomía+ de COGAMI no CEGADI de Santiago, pola tarde.
  • Mércores 9 de setembro: participantes de Autonomía+ no CEGADI de Santiago, pola mañá, e Aprom de Cariño, pola tarde.
  • Xoves 10 de setembro: persoas do servizo de atención diúrna de COGAMI en Medelo (Silleda), pola mañá, e Aixiña de Ourense, pola tarde.
  • Venres 11 de setembro: asociación Íntegro da Costa da Morte, nas quendas de mañá e tarde.
  • Martes 15 de setembro: asociación Adisbismur de Muros, nas quendas de mañá e tarde.
  • Mércores 16 de setembro: asociación Avante de Val do Dubra, pola mañá.
  • Xoves 17 de setembro: Aspamite de Teo, pola mañá, e Alcer Coruña, pola tarde.
  • Venres 18 de setembro: asociación Avante de Val do Dubra, pola mañá.

Con esta nova edición de GAVEA, COGAMI continúa apostando por un ocio inclusivo e accesible, facilitando que as persoas con discapacidade poidan vivir de primeira man unha experiencia de navegación e gozar do patrimonio marítimo e natural da ría de Camariñas.