
A Garda Civil detivo un veciño do municipio de Ordes como presunto autor dun delito continuado de incendio forestal intencionado, no marco da denominada Operación ANTORCHADOS.
A investigación iniciouse tras rexistrarse unha sucesión de incendios na contorna rural de Cestaños. Ante a reiteración dos lumes, os axentes estableceron un dispositivo especial de vixilancia que permitiu sorprender o sospeitoso ‘in fraganti’, xusto no momento en que presuntamente estaba a iniciar novos focos de incendio.
No rexistro practicado no seu domicilio, a Garda Civil interveu un recipiente con combustible, un chisqueiro e un caldeiro que, segundo os investigadores, era empregado para transportar material vexetal seco utilizado para facilitar a propagación do lume.
Os feitos revisten especial gravidade debido ás condicións de alto risco existentes no momento da detención. Un dos focos localizouse a tan só 37 metros dunha vivenda, nunha zona de interface urbano-forestal onde o nivel de risco de incendio era alto, coincidindo coa vaga de calor que afecta á comunidade.
Tras ser posto a disposición xudicial, o titular do xulgado competente decretou o seu ingreso en prisión provisional mentres continúa a investigación para esclarecer a posible relación do detido con outros incendios rexistrados na zona.