Ordes reúne 87 participantes nun curso de arbitraxe de combate de taekwondo

As instalacións municipais de Ordes acolleron este domingo un curso de arbitraxe de combate organizado pola Federación Galega de Taekwondo, no que participaron un total de 87 cursillistas.

A xornada reuniu xuíces cronometradores e árbitros rexionais e nacionais de distintas categorías, tanto persoas que están a realizar os procesos de titulación como profesionais que participaron nas sesións de reciclaxe e actualización de coñecementos.

O programa combinou formación teórica e práctica co obxectivo de mellorar a preparación dos responsables da arbitraxe e actualizar os criterios necesarios para o correcto desenvolvemento das competicións.

Na parte práctica tamén colaborou a selección cadete, que se atopaba concentrada ese día, así como o club BoudSport, que participou na organización e no desenvolvemento da actividade.

Desde a Federación Galega de Taekwondo agradeceron a implicación de todas as persoas asistentes e a colaboración das entidades participantes nunha xornada destinada a seguir reforzando a formación e a calidade da arbitraxe galega.