Oroso avanza na mellora das infraestruturas do polígono industrial de Sigüeiro

O Concello de Oroso continúa impulsando actuacións para mellorar as infraestruturas, a seguridade viaria e a mobilidade no municipio, con especial atención á contorna do parque empresarial de Sigüeiro.

Con este obxectivo, o municipio recibiu a visita do director xeral de Industria da Xunta de Galicia, Bruno Fernández, que estivo acompañado polo alcalde de Oroso, Álex Doval, e polo presidente da Zona Empresarial de Sigüeiro (ZES), Fernando Casal. Durante o encontro, os representantes institucionais coñeceron as intervencións realizadas para mellorar as conexións e os servizos na contorna industrial.

Entre as actuacións destaca a *mellora da senda peonil que conecta Oroso de Abaixo co parque do Carboeiro*, cun investimento de 150.000 euros. Esta intervención busca facilitar os desprazamentos a pé e ofrecer unhas conexións máis seguras para a veciñanza e as persoas usuarias destas instalacións.

A outra actuación céntrase na *renovación da sinalización do polígono industrial de Sigüeiro*, co propósito de reforzar a seguridade viaria, ordenar a circulación e mellorar a mobilidade nun espazo fundamental para a actividade económica local.

Ambas as intervencións contribúen a avanzar cara a unhas infraestruturas máis seguras, accesibles e funcionais, que respondan ás necesidades tanto das empresas instaladas no parque empresarial como da cidadanía.

O Concello de Oroso agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia e da Zona Empresarial de Sigüeiro, destacando a importancia da cooperación institucional para continuar modernizando as infraestruturas municipais e favorecer o desenvolvemento económico e a calidade de vida no municipio.