Os veciños da Espiñuda, en Valdoviño, denuncian a falta de civismo dalgúns residentes

«A Espiñuda non é o punto limpo»: os veciños reclaman responsabilidade e respecto polos espazos comúns

Os veciños da Espiñuda, en Valdoviño, amosan o seu malestar pola falta de civismo dalgunhas persoas que utilizan esta zona para depositar residuos e refugallos de maneira inadecuada.

Baixo a mensaxe «A Espiñuda non é o punto limpo», os residentes queren chamar a atención sobre unha situación que consideran inaceptable e lembrar que o coidado do contorno é unha responsabilidade compartida por toda a cidadanía.

Os afectados insisten en que vivir nunha comunidade implica non só gozar de dereitos, senón tamén cumprir cunha serie de deberes básicos, entre eles respectar os espazos públicos, manter limpa a contorna e xestionar correctamente os residuos.

«Os cidadáns e as cidadás temos dereitos, pero tamén DEBERES», subliñan, nun chamamento ao sentido común e á responsabilidade individual.

Os veciños consideran necesario que todas as persoas colaboren para evitar que a zona se converta nun lugar de depósito incontrolado de lixo e lembran que existen puntos limpos e servizos específicos para a correcta xestión dos refugallos.

A súa reivindicación é clara: respecto polo lugar no que viven, conciencia ambiental e compromiso colectivo para manter a Espiñuda en boas condicións.

Porque coidar o contorno non é só unha cuestión de limpeza, senón tamén de convivencia e respecto polos demais.