Senda Nova presenta a 15ª edición do Outono en Marcha con novas entidades colaboradoras

A Asociación Ambiental Senda Nova deu comezo na mañá do pasado sábado 10 á 15ª edición do Outono en Marcha, un dos programas máis emblemáticos e lonxevos da entidade, xunto coa Primavera en Ruta e a Escola Ambiental.

No acto de presentación participaron representantes dos concellos de Carballo e A Laracha, entidades colaboradoras que continúan a apoiar esta iniciativa. Tamén repiten a súa colaboración Protección Civil de Carballo e a Escola Oficial de Idiomas de Carballo, colectivos que contribúen ao desenvolvemento dun proxecto que medra ano tras ano sen perder os obxectivos cos que naceu.

Novas entidades súmanse ao proxecto

Durante a presentación, Adrián Eirís, Miriam Sánchez e José Manuel Menéndez destacaron o papel de Senda Nova como «enerxía de activación» dunha iniciativa que busca sumar esforzos entre entidades de diferentes ámbitos para «salientar, coñecer e revalorizar un patrimonio bergantiñán nutrido e diverso».

Nesta nova edición, o programa amplía a súa rede de colaboración coa incorporación da asociación Mallas de Area, unha entidade malpicá que participará na andaina Pegadas do Wolframio. Esta actividade súmase, ademais, á Semana do Patrimonio impulsada pola Rede do Patrimonio, reforzando a aposta pola divulgación e posta en valor da memoria e da riqueza cultural da comarca.

Outra das incorporacións é a asociación carballesa Un Paso Máis, que participará na segunda das andainas pola costa de Carballo, baixo o título Razo-Baldaio para Protexer. A actividade reunirá o grupo desta entidade nun percorrido que permitirá achegarse ao patrimonio natural e paisaxístico do litoral carballés.

Con esta 15ª edición, o Outono en Marcha reafirma o compromiso de Senda Nova coa defensa do patrimonio natural e cultural de Bergantiños, promovendo a participación social, a cooperación entre colectivos e o coñecemento do territorio a través das andainas e das experiencias compartidas.