Os veciños da Grixa, en Ponte do Porto, reclaman o arranxo urxente do seu acceso

Ponte do Porto.– Os veciños do lugar da Grixa, na parroquia de Ponte do Porto (Camariñas), denuncian o estado de abandono do camiño de acceso ás súas vivendas e esixen ao Concello que cumpra coas promesas realizadas en varias ocasións para a súa mellora.

Segundo explican os residentes, a vía atópase nun estado que a fai practicamente inaccesible para vehículos de emerxencia, como ambulancias e camións de bombeiros, o que supón un grave risco para a seguridade das familias que viven na zona. Ademais, o mal estado do camiño dificulta tamén o acceso de furgóns de reparto, empresas de mudanzas e outros servizos esenciais.

Os afectados sinalan que son varias as familias que residen neste lugar, entre elas persoas maiores, con problemas de mobilidade e con diferentes condicións de saúde, que dependen dun acceso seguro e en condicións axeitadas.

«Levamos anos escoitando promesas, pero a realidade é que seguimos sen unha solución», lamentan os veciños, que consideran inxustificable esta situación. Así mesmo, lembran que cumpren coas súas obrigas fiscais igual que o resto da cidadanía e, por tanto, reclaman os mesmos dereitos, servizos públicos e investimentos.

Os residentes solicitan unha actuación inmediata para acondicionar o acceso e garantir que calquera vehículo poida chegar ás vivendas con normalidade, especialmente en casos de emerxencia. Consideran que esta actuación non pode demorarse máis, xa que afecta directamente á seguridade, á calidade de vida e á igualdade de trato dos habitantes da Grixa.