
A programación desenvolverase do 7 de novembro ao 12 de decembro con once propostas de teatro, música e humor para todos os públicos
Padrón, 27 de outubro de 2026. O Concello de Padrón dará comezo o vindeiro sábado 7 de novembro ao Outono Cultural 2026, unha programación que encherá de teatro, música e humor os meses de novembro e decembro. A xornada inaugural terá como protagonista a actriz, pallasa e directora teatral Natalia Outeiro, coñecida artisticamente como Pajarito, que recibirá o XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva 2025 e presentará o seu novo espectáculo de clown, A Estrada, dirixido ao público familiar.
A programación prolongarase ata o 12 de decembro e incluirá once propostas que combinan espectáculos de compañías profesionais, actuacións musicais e representacións de agrupacións locais e de teatro non profesional. A maioría das actividades terán lugar no Auditorio Municipal de Padrón, ás 19.00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade. A excepción será Piano e candeas, que se celebrará na igrexa de Santiago.
Teatro, música e narración oral en novembro
Tras a apertura do día 7, o venres 13 de novembro chegará ao Auditorio Bio Construción, de Ibuprofeno Teatro. Ao día seguinte, sábado 14, a música coral tomará o relevo coa celebración do XXXIX Festival Santa Icía, no que participarán a Coral Polifónica La Salle de Santiago, a Coral de Luou de Teo e a Coral Polifónica Padronesa.
O venres 20 será a quenda de Quico Cadaval, que, xunto con Producións Teatrais Excéntricas, presentará 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, unha proposta na que o narrador e director teatral percorre tres décadas de traxectoria arredor da palabra e dos escenarios.
A programación musical continuará o sábado 21 co tradicional Concerto de Santa Icía da Banda de Música Municipal de Padrón. Pola súa banda, o venres 27 de novembro, ás 18.30 horas, a Asociación de Mulleres Rurais A Carballeira de Padrón representará Moldes, obra de Ramón Torrente García.
Decembro para despedir o ano sobre o escenario
O Outono Cultural continuará en decembro con novas propostas escénicas e musicais. O venres 4, Teatro Malasombra levará ao Auditorio a obra O proceso, mentres que o sábado 5 a compañía de teatro non profesional Airiños de Rianxo representará A vida de Brais.
Unha das citas máis singulares chegará o martes 8 de decembro con Piano e candeas, un tributo ao compositor e pianista italiano Ludovico Einaudi. O concerto celebrarase excepcionalmente na igrexa de Santiago de Padrón, ás 19.00 horas, nunha contorna que achegará un carácter especial á proposta musical.
Na recta final da programación, Tarabela Creativa presentará O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger o venres 11 de decembro. O sábado 12, Charamela Teatro será a encargada de pechar esta edición coa representación de Un xogo desastroso.
Unha aposta pola cultura para todos os públicos
Co Outono Cultural 2026, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e coa dinamización da vida social do municipio. A iniciativa ofrece unha programación diversa que combina teatro profesional e afeccionado, música coral, concertos e propostas de humor e narración, ao tempo que favorece a participación das entidades culturais locais.
A cita, consolidada no calendario cultural padronés, conta co apoio da Deputación da Coruña e coa inclusión na Rede Cultural CREAR.
Todas as actividades serán de entrada libre ata completar a capacidade, o que permitirá ao público achegarse ás diferentes propostas e desfrutar dunha nova edición da programación cultural de outono.
