
O Concello da Baña vén de finalizar as obras de mellora da estrada que parte do límite municipal con Negreira, atravesa a parroquia de Fiopáns e continúa ata Vilacoba, na parroquia de Troitosende.
A actuación permitiu renovar o firme de todo o trazado mediante a aplicación de aglomerado en quente, unha solución que ofrece unha elevada resistencia ao tráfico e ás condicións meteorolóxicas, contribuíndo a prolongar a vida útil da infraestrutura viaria.
Os traballos incluíron tamén a renovación da sinalización horizontal, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria neste eixo de comunicación entre diferentes núcleos do municipio.
O proxecto contou cun orzamento base de licitación de 293.611,10 euros e foi executado pola empresa Obras y Viales de Galicia S.L. (Oviga).
Esta intervención enmárcase no conxunto de actuacións que o Concello da Baña está a desenvolver para renovar e mellorar a rede viaria municipal, facilitar os desprazamentos da veciñanza e favorecer a conexión entre as distintas parroquias e núcleos de poboación.
Con esta obra, o goberno local continúa avanzando na conservación e modernización das infraestruturas municipais, contribuíndo a mellorar a mobilidade e a seguridade nas estradas do concello.




