Ponteceso mellora e amplía a pista de acceso a Carballido, na parroquia da Graña

O Concello de Ponteceso vén de rematar os traballos de mellora e ampliación da pista de acceso ao núcleo de Carballido, situado na parroquia da Graña, co obxectivo de resolver os problemas de accesibilidade que presentaba esta vía e mellorar a seguridade dos veciños.

A intervención permite facilitar o acceso aos domicilios e mellorar as condicións de circulación nunha vía que presentaba dificultades de paso, dando resposta a unha demanda veciñal que viña de anos atrás.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, agradeceu especialmente a colaboración da familia propietaria dos terreos, cuxa disposición foi fundamental para facer posible a ampliación da pista. Tamén puxo en valor o traballo realizado pola empresa construtora e a comprensión dos veciños durante o desenvolvemento das obras.

Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas e dos accesos aos núcleos rurais do municipio, atendendo as necesidades da veciñanza e contribuíndo a mellorar a calidade de vida nas distintas parroquias de Ponteceso.