PORTO DO SON: A SINSON10K bate récords e amplía a súa participación ata os 1.600 deportistas

A SINSON10K continúa consolidándose como unha das grandes citas deportivas do ano en Galicia. A carreira volve demostrar o seu enorme poder de convocatoria ao esgotar todas as prazas dispoñibles en menos de dúas semanas desde a apertura do prazo de inscrición.

O ritmo de rexistros foi tan elevado que a organización decidiu habilitar **100 prazas adicionais**, elevando así o número total de participantes ata os **1.600 deportistas**, que tomarán a saída en Portosín ás portas do Nadal.

Unha resposta excepcional que confirma o éxito desta proba e o seu crecente atractivo entre os afeccionados ao atletismo, convertendo Porto do Son nun referente deportivo e nun punto de encontro para centos de corredores.

**Últimos dorsais escolares**

A organización lembra tamén que aínda están dispoñibles os últimos dorsais destinados á categoría escolar, que se poden conseguir a través de EME Sports.

A SINSON10K prepárase así para vivir unha nova edición multitudinaria, nunha xornada que combinará deporte, participación e ambiente festivo no municipio sonense.