
A Valedora do Pobo comunicou que a Administración deixou pasar o prazo de 15 días hábiles sen remitir o informe solicitado sobre a demora sanitaria.
As queixas pola situación da Atención Primaria en Cabanas continúan. O pasado mes de setembro presentouse unha reclamación ante a Valedora do Pobo pola espera de 20 días para conseguir unha cita médica, unha demora que volve poñer o foco nas dificultades de acceso á asistencia sanitaria no municipio.
Segundo se trasladou á parte reclamante, a Administración deixou transcorrer os 15 días hábiles establecidos para remitir o informe solicitado pola Valedora do Pobo sen que este fose enviado. Esta situación engade novas preguntas sobre a resposta das autoridades ante un problema que afecta directamente á veciñanza.
Desde a iniciativa denunciante critícase tamén a falta de explicacións e solucións concretas, fronte á comunicación institucional do goberno municipal. «A veciñanza esperou polo médico, a Valedora espera polas explicacións. E as solucións, para cando?», sinalan.
Reclamación de máis persoal e mellor cobertura
A denuncia reclama medidas para garantir unha atención sanitaria adecuada en Cabanas, entre elas a dotación de persoal suficiente, a cobertura das ausencias e a redución dos tempos de espera para conseguir unha cita médica.
A espera de 20 días para acceder á Atención Primaria, sosteñen, merece explicacións claras e actuacións concretas por parte das administracións responsables.
A iniciativa anuncia que continuará facendo seguimento da situación sanitaria no municipio e reclamando solucións para mellorar a atención á veciñanza.
«Confiamos en que se dean explicacións e se adopten medidas reais para garantir unha atención a tempo. Coa saúde non se xoga», conclúe a denuncia, que advirte das consecuencias que os recortes e a falta de recursos poden ter sobre a calidade da asistencia sanitaria.
