
Veciños de Suevos, en Arteixo, denuncian a presenza reiterada de vertidos ilegais e acumulación de residuos de obras en distintas zonas do monte, unha situación que, segundo sinalan, se repite unha e outra vez sen que se lle poña freo.
As queixas céntranse especialmente na zona do porto de Suevos, onde se terían depositado restos procedentes de obras e reformas, convertendo espazos naturais en auténticas escombreiras. Segundo os veciños, moitos destes residuos poderían estar relacionados con reformas realizadas de maneira irregular.
Un dos puntos sinalados sitúase nunha zona de subida cara á emisora, onde se pode observar unha importante acumulación de materiais abandonados no monte.
Entre os residuos existentes podería haber materiais como la de roca ou incluso fibrocemento que podería conter amianto, aínda que esta circunstancia deberá ser confirmada mediante unha análise profesional. No caso de tratarse de amianto, estaríamos ante un residuo perigoso que require unha retirada e xestión especializada.
Os afectados reclaman unha maior vixilancia por parte do Concello de Arteixo, así como a limpeza dos residuos e o control das persoas que realizan estes vertidos.
“Os nosos montes non son escombreiras”, lamentan os veciños, que consideran necesario incrementar a inspección para evitar que este tipo de situacións se repitan.
A preocupación veciñal vai máis alá da cuestión estética, xa que o abandono de materiais procedentes de obras pode supoñer un risco ambiental e, dependendo da natureza dos residuos, tamén para a saúde pública.
Os veciños piden ao Concello que investigue a procedencia dos materiais, determine se existen residuos perigosos e proceda á súa retirada, ademais de adoptar medidas para evitar novos vertidos na zona de Suevos.