
A rapazada foi a encargada de premer o botón que iluminou o Malecón, nunha xornada festiva que tamén contou con chocolate con churros e degustación de produtos do mar.
Ribeira xa vive o ambiente do Nadal. O municipio deu comezo oficialmente á programación festiva co tradicional acendido da iluminación navideña e a apertura do belén municipal, nunha xornada que coincidiu coa celebración do Black Friday.
Un ano máis, os nenos e nenas tiveron un papel protagonista no acto de acendido. A rapazada foi a encargada de premer o botón que puxo en funcionamento a iluminación ornamental, coa cúpula luminosa instalada no Malecón como un dos principais atractivos destas datas.
Tras o acendido, a celebración trasladouse á praza de Porta do Sol, onde os asistentes puideron descubrir o belén municipal.
A xornada completouse cunha degustación de chocolate con churros e de produtos do mar, estes últimos ofrecidos a través da foodtruck de Galicia Sabe AMar.
Con esta celebración, Ribeira inaugura unha nova tempada do Nadal, que encherá as rúas e espazos públicos do municipio de iluminación, actividades e ambiente festivo durante as próximas semanas.








