
A subtracción de flores e plantas nas tumbas do cemiterio de Carballo está a provocar o malestar de varios veciños, que denuncian que este tipo de roubos se repite e afecta directamente ás familias que acoden ao camposanto para coidar e lembrar os seus seres queridos.
Unha das persoas afectadas expresou a súa indignación tras comprobar que desapareceran as plantas que deixara no nicho dos seus avós, dunha tía e da súa nai.
«Se tanto lle gustan as plantas, regálollas, pero que deixe estar as que colocamos nas tumbas dos nosos familiares», vén dicir a súa queixa.
Os afectados consideran especialmente doloroso que se leven estes elementos dun lugar destinado ao recordo e ao respecto polos falecidos. Por iso, reclaman que cesen estas prácticas e que se respecte o que as familias depositan nas tumbas dos seus seres queridos.
