Rois pon en marcha un servizo gratuíto de recollida de plásticos agrícolas nas granxas

O Concello de Rois ofrecerá un servizo gratuíto de recollida de plásticos agrícolas directamente nas explotacións gandeiras, evitando que os profesionais teñan que trasladalos ata a planta de reciclaxe de Servia, en Lousame.

O novo sistema presentouse nunha reunión informativa na que participaron representantes de 22 empresas gandeiras. A primeira recollida está prevista para finais de novembro, mentres que as seguintes campañas se realizarán aproximadamente en marzo e xullo.

O servizo inclúe plásticos de silos, rolos e invernadoiros, que deberán estar limpos, amoreados e nun lugar accesible para o camión. Non se recollerán rodas, big-bags, envases, redes nin cordas.

As explotacións interesadas deberán comunicalo previamente ao Concello no teléfono **981 804 109**.

A iniciativa xorde tras finalizar en maio o contrato coa Mancomunidade Serra do Barbanza e busca facilitar o traballo das explotacións e mellorar a reciclaxe destes residuos.