
A mostra inaugúrase este sábado 14 de novembro na Casa da Cultura e estará acompañada dun obradoiro de iniciación ao gravado con prazas limitadas.
A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá desde este sábado 14 de novembro a exposición do XX Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, promovido pola Deputación da Coruña e a Fundación CIEC. A mostra poderá visitarse ata o 1 de decembro e reunirá obras seleccionadas desta edición, que permiten descubrir diferentes técnicas e propostas da creación gráfica contemporánea.
O primeiro premio foi para a artista catalá Regina Giménez pola súa obra *Pensar un paisatge* (2025), unha serigrafía na que destacan o uso da cor e a reflexión sobre a representación da paisaxe. A selección inclúe tamén traballos finalistas de Tomás Pariente e Javier Agulló Rodríguez.
A programación completarase cun obradoiro de iniciación ao gravado o sábado 14, de 17:00 a 19:00 horas, na Casa da Cultura. A actividade está dirixida a maiores de 12 anos e dispón de 12 prazas. As persoas menores de 16 deberán acudir acompañadas dunha persoa adulta.
Para inscribirse cómpre chamar ao **616 332 919**, escribir a **agustin.perez@sansadurnino.gal** ou acudir á Casa da Cultura. As prazas cubriranse por orde de solicitude.
